Labores

CASTAÑEIRAS

As castañeiras eran as mulleres que vendían as castañas. O seu negocio estaba sempre nas cidades, pois nas aldeas do campo tiñan castañas de abondo. O punto de venda destas mulleres estaba sempre nas rúas máis concorridas. Alí ofrecían as súas castañas asadas, moi de agradecer nos fríos días de novembro, mes da castaña e do magosto, a súa festa popular. O seu traballo comezaba coa recolección do froito, normalmente con axuda dos castiñeiros, os homes, que primeiro vareando nas árbores, con axuda das baloiras,  para facer caer os ourizos que posteriormente apañaban do chan. Mentres uns vareaban, outros agardaban (xeralmente as mulleres). Moitas veces durante a espera, cantaban, acompañándose do repiqueteo das pinzas, chamadas fustas (figura 18). Estas pódense considerar como un utensilio feito con cana ou material similar, que servía a modo de pinza para a recolleita dos ourizos, protexéndose dos danos que poidan causar nas mans. Debido a súa forma, tiña unha doble utilidade. As apañadoras golpeaban coa axuda das súas mans e das coxas para realizar diferentes ritmos que acompañaban ao seu cantar.                                                                                     

O seguinte paso era transportalas en grandes cestas cara o sequeiro, onde pasaban polo proceso de absorción da humidade. Como alternativa,  dentro do fogar podíanse agrupar por medio de utensilios domésticos, chamados canizos, que consistían nun enreixado de madeira disposto enriba da lareira, que polo propio calor e fume que desprendía a mesma producíase a deshumidificación do froito. Por último, e con axuda dun caldeiro vello e furado cuns pequenos orificios, asábanse para a súa posterior venda nas prazas públicas. O máis frecuente, era atoparse con este tipo de vendedoras xa a finais de Outubro ata ben entrado o inverno. 



Importante labor tiñan as castañeiras, xa que a propia castaña era unha das fontes principais de alimentación na dieta galega, así como en moitos outros países de Europa. Na nosa Comunidade existen arredor de 143 variedades de castiñeiros, con denominacións diferentes dos seus froitos (Corronchuda, Calva, Casarella, Famosa,…). A maior parte delas pódense atopar dentro da rica vexetación ourensá, máis concretamente na zona de Verín-Monterrei.  A continuación podemos observar nunha táboa de clasificación, as diversas variedades de castañas e castiñeiros, que forma parte do estudo realiazado por M. Míguez Bernárdez sobre a variedade deste alimento na Comarca de Verín-Monterrei.



As coplas que atopamos na nosa tradición, no referente ao entorno da castaña son polo xeral, de carácter popular, con certos toques de humor. Na maioría dos casos nos atopamos con coplas que eran interpretadas arredor das fogueiras, na celebración do magosto, festa de carácter lúdico, na que participaban tódolos veciños. A espontaneidade dos alí presentes era fundamental para crear eses versos divertidos, acompañados ou non por instrumentos como pandeiretas ou gaitas. De carácter popular atopamos os seguintes versos:

A castaña no ourizo
quixo rir e regañou
caeu do castaño abaixo
mira que chasco levou
                                       POPULAR

De alá da banda do río
ten meu pai un castiñeiro,
que da castañas en Agosto
 e uvas en Xaneiro.
                                      POPULAR

Repertorio

Esta peza foi recollida polo grupo O Fiadeiro ao Señor Manolo en Murias de Rao, pueblo situado nos Ancares Lucenses. 

CANTO DE APAÑADORAS DE CASTAÑA

Arriba Pico do Surcio
abaixo pena marela
máis abaixo está Murias
non hai nenas coma elas
Ai lalalalalala ai lalalalalalala
ai lalalalalalala ai lalalalalalala

Este pandeiro que toco
é de pelexo de corzo
se o toco en Cerqueira
resoa en Arandoxo
Ai lalalalalala ai lalalalalalala
ai lalalalalalala ai lalalalalalala

Marmuráis, marmuradoras
masmuráis da miña vida
eu vivo con moita honra
e vos a tedes perdida
Ai lalalalalala ai lalalalalalala
ai lalalalalalala ai lalalalalalala


LABORES DO CAMPO


Cultivar os campos era traballo de todo o ano. Tiña varias fases ben diferenciadas:

·                As labradas
·                A sementeira
·                O coidado do cultivo na súa medra
·                A recolleita do cultivado
·                O tratamento e posterior almacenado

As labradas era a fase preparatoria da terra, na cal se revolvía a mesma, empregando sachos ou legóns para facer os regos onde posteriormente irían as sementes. Cada campo era traballado por todos os veciños, axudándose uns aos outros. Moitas veces competían por ver quen remataba o traballo chegando antes ó cabeceiro. Os que así facían, botaban un canto seguido logo dunha Aña, acompañándose dos legóns golpeados con pedras a modo de instrumentos de percusión. Esta práctica era moi habitual en este tipo de circunstancias. Os utensilios de traballo no campo tiñan en moitos dos casos unha dobre utilidade. Ben podíase empregar para o propio traballo no campo, como para acompañar, a modo de instrumento, ós seus cantos e bailes.

Facendo de novo referencia a Xaquín Lorenzo e ao seu “cancioneiro popular” destacamos o reflexo do universo campesiño, cos seus traballos, hábitos, costumes. Según o propio autor << O canto estimula o traballo e alivia o esforzo. Hai lugar destacado para o pan, referente de bondade e honestidade e o viño, expresión da alegría de vivir. O traballo é fonte de orgullo e satisfacción; o labor outorga honra, iguala homes e mulleres en tarefas compartidas.  O espírito comunitario preside as actividades agrícolas. As cantigas fanse expresión de amor á terra, salientan a activi- dade do campo e manteñen viva a memoria de oficios tradicionais (costureiras, xastres, carpinteiros, tecedeiras, cesteiros, seitureiros, muiñeiros, canteiros, arrieiros, ... >>

Presentes neste traballo, no que se recollen un importante número de cantigas referentes á vida cotiá dos galegos, podemos facer referencia ás seguintes dentro deste apartado:

Ai, roxiña, roxiña de pelo,
ven comigo mallalo centeo;
o centeo, o centeo, a cebada,
ven, roxiña, miña namorada.
                  Nº 120 (CANTIGUEIRO POPULAR)

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrigar;
os amoriños pirmeiros
son moi malos de olvidar.
                         Nº 294 (CANTIGUEIRO POPULAR)

As referencias a elementos naturais e aos traballos relacionados có campo mistúranse có tema amoroso, moi recurrente nas cantigas da nosa tradición.

Hei de ir á túa seitura,
hei de ir á túa segada,
hei de ir á túa seitura,
que a miña vai acabada.
                        Nº 1104 (CANTIGUEIRO POPULAR) 

Na casa de un labrador
traballos todo se volve;
que condanada é a vida,
a vida toda de un probe!
                        Nº 1444 (CANTIGUEIRO POPULAR)

Os elementos toponímicos fan referencia ós traballos característicos dese lugar, como podemos observar na seguinte copla recollida en Sta. Cruz de Montaos (Ordes):

Teño d´ir e vir a Calo,
na reculleita do millo.
Teño d´ir e vir a Calo,
de Calo no me despido.

Ao igual que ocorre na maoiría das labores, atopamos cantos que acompañan a propia tarefa en si, como observamos neste canto de labrada:

Turrade ben polo arado,
miñas vaquiñas marelas,
que teño que ir de ruada
cando sexa noite pecha.

Nunca vin lebres ô xugo
nin cocullos ô arado;
as mulleres entre os homes
é gando moi mal gardado.

Sementéi o millo miudo
no colo d´unha rapaza;
téñome que ir polo mundo
antes de que o millo naza.

A moza perdéu o mozo
por entre a palla do millo,
a moza quedóu chorando
polo seu agarimiño.
Nº510 (CANCIONERO GALLEGO)

Por último atopamos un tipo de repertorio que presenta un retrouso moi característico, “Chinguilín”. Este tipo de pezas é común ás Provincias de Lugo e Ourense, nas que o atopamos con frecuencia.

Cheguei a medio camiño,
 esqueceume da guillada.
Con el chingui lingui lin,
con el chinguilín andaba.
                                   NEGRADAS (O VICEDO)

Repertorio

Este canto de labradas foi recollido aos veciños Aboal, na Parroquia de Toutón, situado no concello de Mondariz, polo grupo O Fiadeiro.

CANTO DE LABRADAS

Ai de mi, ai de la pena.
Ai de mi tanto penar-e.
Corazón que tanto pena,
como puede descansar-e.
Ailalala…


FIANDEIRAS

As fiandeiras, valéndose de fuso e roca, eran as encargadas de converter as fibras de liño e la en nobelos de fío que logo eran utilizadas polas tecelás para elaborar os tecidos nos teares artesáns.

Estas fiandeiras levaban a cabo o seu labor cando tiñan tempo ceibe ou mentres realizaban outras labores como vixiar as crianzas ou levar o gando a pastar. Centrarémonos no caso das labores das fiandeiras de liño, material imprescindible na elaboración de prendas de roupa relacionadas coa música tradicional galega. Hoxe en día podemos atopar certas colchas ou tapetes que se conservan de tempos pasados, confeccionadas neste material, que presentan certos motivos costumistas ou vencellados á tradición popular, como por exemplo, relacionados cós traballos no campo, labores... Outras, son simplemente pequenas estampas musicais, relacionadas có baile ou coa práctica instrumental. 
As labores podían comezar dende o mes de maio ata o Nadal ou Xaneiro, organizando moitas veces fías colectivas, Fiadeiros, para facer xuntas a labor, ocasión que se aproveitaba para celebrar unha festa na que non faltaban os cantos e as pandeiretas.

O proceso para a fabricación do propio liño requería dunha serie de pasos que ordinariamente tódolos anos levaban a cabo as propias fiandeiras, que á súa vez o  transmitían ás xeracións vindeiras. En certos lugares da nosa Comunidade, este proceso é case unha relixión, poro iso na actualidade non concevimos a non produción de liño en vilas como Allariz, no Caurel ou en pequenas parroquias do interior da provincia de Pontevedra, como Moscoso ou Tenorio. Lugares onde a produción de estopa era moi abundante para protexer dos fríos invernos.

A continuación citaremos unha breve descrición xeral cós diferentes procesos da produción do liño:

-Sementado
Aló polo mes de Abril, no momento no que as terras están preparadas, procédese á sementa. As terras mellor preparadas son aquelas que presenten boas propiedades de humidade e que sexan o máis chás posibles. A pesares de que se trata dun tipo de traballo familiar, a meirande parte soía ser realizado por mulleres.

-Colleita
Faise cando a planta ten unha cor dourada, antes de que maduren moito as sementes. Normalmente no mes de Setembro. Arríncanse as plantas, sacúdese a terra, e por último se déixa en gavelas hasta formar un feixe.

- Ripado ou arrancado 
Unha vez amontoado en feixes, pouco a pouco vanse pasando polos dentes do ripo, o que fai que se separe a semente da propia planta.

-Empozado, enchoupado ou enriado
Unha vez separado, debemos mergullalo en auga estancada para que sexa moito máis brando.

-Secado
Tras uns días de empozado, os feixes de liño bótanse na eira para que sexa o propio sol quen os seque.

-Mazado e delubado
Golpéanse os mangados de liño con mazos de madeira encima dunha gramadeira. Xa mazado, un mangado recibe o nome de maza. Seguidamente o liño mazado refrégase coas mans na pedra, como si fora una peza de roupa (para que lle vaian saíndo os tascos, parte leñosa, etc) e separar a palla da fibra. Proceso que coñecemos có nome de “delubado”.

-Espadelado
Entrando en Outono, pásase a espadelar o liño. Precísase un espadeleiro (táboa sobre a que se fixa outra perpendicular, có borde superior afiado) e unha espadela (unha especie de macheta de madeira). Espadelar consiste en golpear coa espadela as estrías postas no fío do espadeleiro, para sacarlle as fibras malas do liño e amansalo. Neste proceso é no que se separan o que serán os diferentes tipos de tecidos de liño, como a estopa, estopilla ou o propio liño. Despois deste proceso, pódese pasar directamente ó fiado, aínda nque en determinadas zonas de Galicia realicen un segundo proceso de espadelado, pero esta lévase a cabo cunha nova espadela, que presenta unha serie de dentes moi afiados.

-Fiado
O fiadeiro facíase nos seráns de inverno coa roca (na fotografía) e có fuso. Colócanse as fibras na roca e vise tirando pouco a pouco para ir formando o fío que logo se enrola co fuso. No fiadeiro xúntanse as mulleres para facer o fío e os mozos para rondar ás mozas. Os bailes e os cantos van emerxendo ao tempo que se traballa.

-Devanado
Neste proceso fórmanse os novelos que posteriormente pasarán ao tecelán.

Entre as cantigas que atopamos, facendo mención a este tipo de prácticas, podemos destacar as presentes nos cancioneiros de referencia da música popular galega, como son o Cancionero Musical de Galicia ou o Cancioneiro Popular Galego.

Este é o tempo de tráquele-tráquele,
este é o tempo de traquelear,
este é o tempo de tráquele-tráquele,
este é o tempo do rato saltar.
Xa veo o tempo de maza-lo liño,
xa ven o tempo do liño mazar,
xa ven o tempo, rapaces de Miño,
xa ven o tempo de se espreguizar.

Nº 81 CMG. MOURENTE (PONTEVEDRA)

Con certo toque “picante”, moi recurrente nas coplas tradicionais, podemos destacar a seguinte:

Miña nai é tecedeira,
ten o tear na barriga.
Miña nai tece por baixo
i o meu pai tece por riba.
                                                  SOLDÓN (FOLGOSO DO CAUREL)

Repertorio

Esta peza foi recollida a Dona julia de Bembibre (Concello de Val do Dubra) polo grupo O Fiadeiro.

CANTO DE FIADA

Debaixo da Oliveira,
da gusto valancear-e.
Nin chove, nin vai hervallo,
nin deixa ver o lunar-e.

Perdín o meu xustillo,
perdín o meu xustillo,
perdín o cordón dél, mira Pepa,
perdín o cordón del.

Meu marido trae m´outro,
meu marido trae m´outro,
 eu daréi conta del, mira Pepa,
eu daréi conta del.

Aparta loureiro verde,
deixa clarea-la luna.
Si non vexo os meus amores,
non vexo cusa ninghuna.

Perdín o meu refaixo,
perdín o meu refaixo,
perdín o rodo dél, mira Pepa,
perdín o rodo dél.

Meu marido trae m´outro,
Meu marido trae m´outro,
eu daréi conta del, mira Pepa,
eu daréi conta del.

1 comentario: