Oficios

CANTEIRO/PEDREIRO

Podemos consideralo como un gran oficio artesanal, moi ligado á cultura popular, e moi expandido no noso territorio. Quizais unha das causas sexa a gran existencia e abundancia de materiais na natureza galega, como por exemplo o granito, tipo pedra moi usada polos canteiros para o seus traballos.

A tradición canteira en Galicia e unha das máis primitivas, xa que temos grandes mostras artesanais en grandes obras e monumentos da nosa Comunidade. O exemplo máis claro é o da Catedral de Santiago de Compostela, destacando os detalles dos diferentes pórticos. Non podemos excluír outras mostras da fermosa arquitectura galega. Son moitas as igrexas que existen no noso territorio, tendo a maior parte delas a presenza dun cruceiro, algúns deles moi elaborados, onde se representa, a modo de escena, unha secuencia da crucifixión de Xesucristo. Todos eles están realizados en granito e obtivéronse tras moitas horas de picar e picar pedra minuciosamente, coa axuda de martelo e cincel.

Os pedreiros, picapedreiros e canteiros foron os encargados de extraela pedra e darlle forma para logo construír pontes, casas, valados… Todo isto por medio das súas propias mans, moito antes de que as máquinas facilitaran o seu traballo. Ao son do martelo, co po voando polo aire e rabuñando na gorxa, cantaban para facer máis levadeiro o duro oficio, adoptando así un ritmo pausado pero sen descanso no son metálico que define o seu oficio. 

As ferramentas empregadas para o seu traballo eran diversas: Pauferro, mandarria, ferro, maceta, punteiro, pistolo, pico, rebolo,…

En Galicia, quizais o máis destacable da obra canteira, vese reflexado na propia catedral da cidade Compostelá. O minucioso traballo de picar a pedra ao máximo detalle fixo que os canteiros e picapedreiros galegos se convirtiran nuns mestres neste terreo. Unha das representacións máis coñecidas e admiradas é a que podemos atopar no seu pórtico da Gloria. Hoxe en día a Catedral de Santiago de Compostela é un referente mundial para calquera estudioso no campo da escultura e arquitectura.

Por outro lado, comentado anteriormente e moi vencellado á cultura popular, atopamos os cruceiros. Realizados en pedra, polo xeral granito, adóitanse situar nos recintos da igrexa, no interior do ceminterio e nos cruces de camiños.

Por último, atopamos os hórreos, que non son máis que construcións, xeralmente de pedra (granito) e madeira, que servían a modo de almacén ou despensa de unha ou varia casas. Polo xeral soíase gardar todo tipo de recolleitas do campo como millo, centeo, herba,…

Os canteiros de máis sona proviñan sobre todo da Terra de Montes (Soutelo de Montes, Cotobade ou Cerdedo) e de outros Concellos próximos á Capital de Provincia pontevedresa, como poden ser Poio ou a Lama. Nas provincias de Ourense e Lugo podemos atopar certos vestixios de canteiros e picapedreiros, sendo os máis admirados, aqueles que proviñan de Monforte de Lemos. Tanto uns como outros eran requeridos para facer todo tipo de traballos en gran parte da nosa comunidade e incluso, eran contratados noutras vilas ou cidades do resto de España, das que hoxe en día conservamos referencias escritas sobre a súa labor.

Unha característica inconfundible dos canteiros era a súa xerga, moi peculiar en canto ao vocabulario empregado. Esta lingua recibe o nome de "verbo dos arxinas" ou "latín dos canteiros". En ocasións, os seus diálogos tiñan certo ritmo e se complementaba có ritmo de traballo. Así podemos atopar expresións nas cantigas relacionadas coa profesión:

Verbo xido, miña purria,
que intervas por areona
heiche de aniscar os zuros
e mais mornarche a morrona.      
                               (FORCAREI)

O barroi llasteu á bacha
axando jandir jumetes
encanturrou á xabouca
e aniscouse nos calquetes
                            (FORCAREI)

Podemos comprobar nesta serie de cantigas procedentes da Terra de Montes o uso de verbos e substantivos moi característicos da xerga empregada polos canteiros. Existen diversos estudos, nos que, a modo de dicionario, podemos saber que é o que significa cada unha de estas palabras empregadas.

Por outro lado nos atopamos cunha serie de coplas que podemos catalogar como “Cantigas de traballo”, que acompañaban ao mesmo como se pode comprobar:

Arriba, arriba,
pedriña nova;
arriba, arriba,
que vai prá obra;
arriba, arriba,
máis un pouquiño
que velaí vén
o xerro do viño.
                       (COTOBADE)

Anda, pedra, oupa,
bonitiña, oupa;
¡como corre esta pedra,
oupa, ei, baixo da roupa!
                              (XESTOSO-SILLEDA)
           
As expresións empregadas nestas cantigas, fan que o texto adquira certo ritmo e se complemente có traballo.
-…oupa…arriba…-

Picando na miña pedra,
facéndolle o paramento,
pasóu unha rapaciña
e rouboume o pensamento.

Pica, pedreiriño, pica,
pica na pedra miuda,
pica na muller allea,
que outro picará na túa.

Son canteiro, son pedreiro
e tamén son albañil,
e tamén son carpinteiro,
xa bo foi o que aprendín.

Non te namores meniña
do pedreiro que ben canta,
que a fariña da pedra,
que se lle pon na garganta.
                                   Nº535 (CANCIONERO GALLEGO)

¡Carguen, valientes!
¡Carguen por todos!
¡Ese socairo
en seu descanso!
¡Arriba por todos!
¡Non desmaiare! ¡Ampara Alén!
¡Eijina o labrejo!
Vai da-la chumeira.
Ven enseguida.
¡Carguen mociños
qu´está llegando
 a seu descanso!
¡Allá va el último!
                                                 (LÉREZ-PONTEVEDRA)

Repertorio

A peza que se presenta foi recollida polo grupo O Fiadeiro na parroquia de Moscoso (Concello de Pazos de Borbén), a Rosa Garrido Casqueiro e Aida Garrido Casqueiro.

CANTO DE PEDREIROS

Na miña ventana teño,
reghalo que ninguén ten-e.
A todas horas do día,
miro a quen eu quero ben-e. (BIS)

Non te fíes miña nena,
do pedreiro que ben canta.
Coa fariña da pedra,
alísaselle a gharghanta. (BIS)

Adéus pedra de almirante,
Que de almirante se cubre.
Non hai ben que non se acabe,
ai ni mal que sempre cure. (BIS)

Dime ti miña rapaza,
que lle votas o teu pelo.
Unha herva que hai no monte,
que lle chaman “tremantelo”. (BIS)


MINEIRO

O mineiro era o home que furaba a terra en sentido horizontal na procura da auga para facer unha fonte, pero tamén o que a furaba para a extracción de minerais.

O inicio da Guerra Civil e da Segunda Guerra Mundial fixo que a demanda de minerais específicos se multiplicara considerablemente, florecendo así o oficio dos mineiros. Moitos homes, e ás veces familias enteiras, foron a vivir aos arredores das explotacións mineiras, creando pequenas aldeas improvisadas.

Tiveron grande sona as minas de Barilongo, situadas no concello de Santa Comba e destinadas á extracción do golfran (mineral semellante ó carbón). Mentres os mineiros remexían na terra, os carabineiros, policía da época, facían garda para evitar roubos de mercadoría. As mulleres agardaban fóra coa comida para os seus homes.

A actividade mineira na actualidade céntrase tres materiais, o xa comentado golfran, o estano e por último a lousa, da que a nosa Comunidade pode presumir ao ser unha das grandes potenzas mundiais na súa explotación. Pódense apreciar nos paisaxes galegos grande cantidade de tellados de lousa, sobre todo en construcións rústicas da montaña luguesa, onde abunda este tipo de material.

No tocante á música, pouco podemos destacar deste oficio. Existe algunha referencia a esta profesión no cantigueiro popular, pero non podemos concretar nada máis acerca do seu uso.


Repertorio

Esta peza foi recollida polo grupo Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, no seu propio concello. Máis concretamente na parroquia de Pontegrixoa sendo a súa informante Dona Herminda Miramontes Lamela.

CANTO DE MINA

Fun á mina a Barilongo,
por ghanar o patacón.
A mina de Barilongo
foi a miña perdición.
Ailalalalalala,
ailalalalalalala.

A mina de Barilongo,
mina neghra para min-e,
entréi sen amores nela,
namoradiño salin-e.
Ailalalalalala,
ailalalalalalala.
A mina de Barilongo,
ten vintesinco escaleiras,
para ghañaren os mozos
tódalas mozas solteiras.
Ailalalalalala,
ailalalalalalala.

A mina de Barilongo,
no filón da campaíña.
Alí toméi eu amores,
para toda miña vida.
Ailalalalalala,
ailalalalalalala.


OVELLEIROS

Os ovelleiros especialízanse na compra-venda de cabras e ovellas. En xeral, o que facían era mercar os animais nas feiras para, máis en diante, vendelos a particulares, matadoiros ou ben os vendían noutras feiras. No seu traballos pódese incluir a cría deses animáis e normalmente tamén relizan labores de pastoreo.  O traballo do pastor era guiar ós animais e vixialos para que ningún se perdese ou evitar que fosen atacados por algún depredador. Os ovelleiros percorrían os montes e prados na procura dos mellores pastos.

Con frecuencia era un traballo de carácter contemplativo, desempeñado tanto por homes como por mulleres aínda que os primeiros eran os que máis abundaban. Debido ao longo tempo de espera, os pastores ocupaban o tempo morto con outras actividades e pasatempos, entre elas cantar e mesmo bailar.

Outra das labores que levaban a cabo os ovelleiros era a dos tosquiadores, que non eran outros que os encargados de rapar ao gando, con axuda dunhas tesoiras especiáis. Polo xeral soíase comezar este traballo xa na primavera, xusta cando comeza a arreciar a calor.


Na xeografía galega podemos atopar grande tradición ovelleira, tanto en terras ourensáns como en luguesas, grazas á amplitude dos seus verdes e produtivos campos. Existen moitos vínculos entre as dúas provincias, pero se atendemos ás súas músicas podemos observar clara influencia das provincias castelás e asturianas limítrofes. En Ourense atopamos gran variedade de cantos con métricas moi diversas, polo xeral cun ritmo moi libre, marcado polo propio cantor, ao igual que sucede cós cantos leoneses, zamoranos ou incluso portugueses. Atopamos nesta provincia moitos diálogos en forma de cantos, entre pastores, que se atopaban a certa distancia con cadanseu gando. Son os chamados Araledou.

Por outro lado, na provincia de Lugo, observamos unha influencia considerable coa música asturiana, rica pola presenza de moitos cantos pastorís e tonadas, acompañadas en moitas ocasións por un gaiteiro. As longas esperas có gando facían que moitos dos propios ovelleiros, servidos de canas (que apañaban polos camiños) navalla e moita maña, construiran unhas frautas moi rudimentarias coas que practicaban sen cesar as súas melodías. Noutras ocasións, servíanse das propias gaitas para acompañar os seus cantos.

¡Oi Pilar e tú tamén Pilar, oi!
Eiquí vou eu coas ovellas,
Oraledou
¡Oi Rosa e tú tamén Rosa, oi!
Tes que traer a merenda,
Oraledou
¡Oi Pilar e tú tamén Pilar, oi!
Merenda xa ia levo,
Oraledou

COVELAS (OURENSE)
           
Nesta serie de estrofas podemos observar un diálogo entre dúas mulleres en forma de araledou, mencionado anteriormente. O Propio oraledou, funciona como leixaprén.

A la orilla del río
una zagala vi.
Como la vi tan sola,
a ella me “deregí”.

La cogí de la mano
y la llevé a un café.
En su devino rostro,
tres besos le estampé.
                                                  …               COVELAS (OURENSE)

Claramente observamos unha forte influencia castelá nesta serie de estrofas. Se trata de un fragmento de “El amor de la zagala” (popular castelá). As coplas populares tamén formaban parte do repertorio pastoril, según os datos que nos aportan os nosos informantes actuais.

Non podemos concretar cal sería o tipo de melodías exclusivas do repertorio dos ovelleiros, xa que é moi diverso e variable. Certo é que existen moitas coplas que fan referencia a este tipo de practicas, pero non se axusta a un único patrón rítmico nin melódico. Quizais a práctica máis contrastante sexa a das tonadas. Podemos definilas como un tipo de composición musical pensado para ser interpretado por un ou unha cantante, sen acompañamento de baile. Pode estar, ou non, acompañada por un instrumento melódico, como por exemplo unha gaita. Na súa construción, as tonadas son melodías sinxelas, con un debuxo descendente, na que destaca a capacidade ornamental dos propios intérpretes vocais. A función do gaiteiro é a de acompañar á melodía, imitando, na medida do posible ao propio cantante. Están formadas por frases curtas e separadas por unha serie de cadencias, de carácter improvisado, polo gaiteiro.

Debajo de tu ventana
tiene la perdiz el nido,
y yo como buen cazador,
cuando paso, le tiro.
                                        OS ANCARES (LUGO)

Repertorio

Esta peza foi recollida polo gupo O Fiadeiro en A Degrada, situado no concello lucense de Cervantes. Non dispoñemos do nome do informante.

TONADA

Ai de mi que ya no puedo.
Ai de mi que ya no puedo.
Por ir de cuesta de noche.
Por ir de cuesta de noche.
Maruxiña de los cielos,
dame posada esta noche.


CAPADOR

Os capadores eran as persoas que tiñan por oficio a castración do gando (porcos, bois, cabalos) e incluso encargábanse dos animais domésticos, como gatos, cans,...inutilizando ou extirpándolles os órganos xenitais. Empregaban como ferramenta de traballo unha serie de utensilios específicos, como por exemplo a “capadora” ou navalla de capar, agulla e fío para remendar a ferida. Dependendo do animal, poderían empregar outro tipo de ferramentas, como por exemplo unhas tenazas.

Ao igual que os afiadores e paragüeiros, anunciaban a súa chegada co tocar do chifro ou ápito. Ambos oficios podían ser compartidos pola mesma persoa.

Un traballo mal feito daba lugar a un sufrimento innecesario do animal, por iso os que se adicaban ao oficio sen contar con experiencia suficiente eran moi criticados polo gremio.

Os capadores requerían moita experiencia e habilidade, e contaban coa competencia dos voluntarios de cada lugar, que facían o traballo de balde, motivos polos que non eran moitos no oficio. Tamén eran requeridos como matachíns no tempo da matanza, e ás veces mesmo para axudar a parir as femias.

Repertorio

Este canto foi recollido a Don Fernando Soto Fernández, polo grupo O Fiadeiro, no concello Pontevedrés de Vila de Cruces.
        
CANTO DE CAPADORES

RETROUSO
Porque ellos no tienen el “títalo”,
el “títalo” tenemos nos;
Andando por las aldeas chista que chista,
¡Ave María válgame Dios! (BIS)

Pra capar un ghato sei que non fai falta o bacharelato…
-Retrouso-
E o outro día capando ó carneiro, jodéronlle un ollo ó meu compañeiro…
-Retrouso-
O outro día na casa de Xan, caparon a ghata no sitio do can…
-Retrouso-
E o outro día xuntáronse catro, pra capar a porca que estaba de parto…
-Retrouso-


MÚSICO

Na cultura popular galega non podemos afirmar que o oficio de músico fora unha das eleccións da xente como medio de subsistencia. A educación que existiu durante moitos séculos en Galicia, nun medio rural, producía que a súa xente non asimilara a posición do musico nun rango de oficio respectado, si ben é certo que ata nós chegaron moitos documentos que confirman a contratación de músicos en determinados Municipios de toda a xeografía galega, pero en casos esporádicos. Trátanse de acordos (contratos) que se facían, ben con motivo de animación a unha determinada festividade ou como intérpretes dunha danza gremial executada nas grandes festividades relixiosas, neste caso contratado polo propio gremio ao que acompañaba. O acordo podía ser simplemente verbal, polo que na actualidade non podemos confirmar moitas das contratacións. Por outro lado, atopamos certo número de rexistros nas contas patronais de moitas parroquias existentes en Galicia, nas que destinaban unha partida ao pago das músicas. Tamén, como dato anecdótico, atopamos referencias á contratación de músicos en algún testamento, non que se especifica a presenza de gaiteiros ou ben outro tipo de instrumentista na celebración do propio enterro, coa súa respectiva remuneración económica.



Non entraremos  na práctica musical ligada á música culta, que xa a mediados do século XIX estaba moi consolidada. Cabe destacar a achega de diversas agrupacións musicais, sobre todo corais, que no último terzo do século XX tratan de recuperar melodías e cantos tradicionais procedentes do mundo rural galego. Aínda que adquiriron moita fama a Coral de Ruada ou Aires da Terra, de Pontevedra, non contaban con músicos de oficio, xa que cada un dos membros tiña o seu traballo fora do ámbito musical.

A mediados do século XIX, gracias a expansión da cultura e a mellora das comunicacións de Galicia có exterior, gran parte da poboación abriuse camiño cara outras terras na procura dunha educación que cubrira as súas necesidades e, incluso algúns privilexiados se desprazaban para encher as súas inquedanzas.

Có paso do tempo foron traendo a súa sabedoría, transmitíndoa a todo aquel canto estivese interesado. Deste xeito formáronse as primeiras bandas de música, a comezos do século XX.

A incursión de instrumentos de banda no panorama musical galego, fixo que moitos dos instrumentos pertencentes á nosa tradición, caso principal da gaita, se adaptaran pouco a pouco para tocar con eles, sendo incluso tocados por músicos profesionais, especialistas noutro instrumento de banda, como saxofón ou clarinete.   

Pouco a pouco vanse incorporando novos instrumentos, como requinta ou acordeón, que tamén acompañaban ás pandereteiras, enriquecendo aínda máis a música que estas facían para bailar.

A presenza doutro tipo de músicos que se gañaban a vida honradamente era o caso dos músicos ambulantes. Solistas, dúos, tríos ou cuartetos amenizaban as prazas maiores das vilas. Esta práctica era moi habitual dende xa ben entrado o século XIX, recollendo a tradición dos cegos que, acompañados có seu lazarillo, contaban as noticias e os chismorreos, con certo toque humorístico, viaxando de vila en vila e subsistindo das propinas que lle permitiran saír adiante. Podemos destacar o caso particular de Florencio, o cego de Vilar, sempre acompañado do seu violín, que serviu de fonte musical a moitos estudosos da nosa música tradicional.

A figura por excelencia que mellor representa a idiosincrasia galega é a do gaiteiro. Personaxe destacable no panorama musical, que con ou sen acompañamento de percusión interpretaba as súas pezas, amenizando festas, romarías ou seráns. Dentro dos gaiteiros máis destacados podemos nomear a  Johan Gonçalvez (o máis antigo do que temos referencia), Xan Míguez (Gaiteiro de Ventosela), Xan Tilve (Gaiteiro de Campañó), Manuel Rilo ou Avelino Cachafeiro, sendo estes últimos os que levaron á gaita a un terreo profesional, cunha vida adicada case en exclusiva ó mundo do seu instrumento, impulsando así aos futuros mestres de gaita como Ricardo Portela ou Nazario González “Moxenas”.

Moi vencelladas ás festas, atopamos gran cantidade de referencias á gaita dentro do noso cantigueiro popular. Romarías, fiadas ou reises son habituais nas coplas populares.

Melchor toca nunha gaita,
Baltasar nun tamboril
e Gaspar que non é músico,
alumea cun candil.

Moita festa hai en Belén
e tocan ferros e frautas,
iremos alá tamén
a lucil-as nosas gaitas.
Fálame mui baixo,
pétame pouquiño
pra que non desperte
o noso neniño.
                      POPULAR

Se nos desviamos un pouco do tema das gaitas, atopamos un instrumento que có paso do tempo foi collendo forza entre os estudosos de música tradicional galega, a requinta. Este instrumento pódese considerar como un traverso galego. Nun primeiro momento foron empregadas de maneira individual, pero có tempo botóuselles man para acompañar gaitas, como se pode observar nalgúns gravados antigos como os do grupo "Airiños do Ulla", da Estrada. As zonas onde máis proliferaron son as de influencia do Ulla, isto é, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Caldas de Reis, Valla, Touro, Santiago de Compostela, Boqueixón, Vedra, Ames, Teo, Rois, Dodro, Padrón, Brión e Rianxo.

Están feitas en catro ou cinco pezas. A súa orixe quizais resida nas frautas de sabugueiro e de óso, as cales non había que furar por dentro, pois son ocas. A seguinte evolución puido ser mediante a súa construción en madeira de buxo (boj), co que se melloraba a calidade musical, ademais de facer o furado interior cónico e con maior diámetro no lado do bocal. Por último, nos tempos actuais, ademais de buxo, pódense atopar requintas feitas de madeiras tropicais, que son máis resistentes á humidade e que ofrecen unha maior calidade musical. Algunhas destas madeiras son o granadino, o pau rosa ou o pau santo. Estas madeiras tamén se empregan en moitos outros instrumentos, como a gaita, para que soporten a humidade máis tempo.


Repertorio

Esta peza foi recollida polo grupo O Fiadeiro a Maruja Grande, veciña da parroquia das Cortellas, situada no municipio pontevedrés de Soutomaior.

XOTA DAS CORTELLAS

Aldeíña das Cortellas,
con catro mozas que ten-e.
Elas son miñas amigas
e tamén lles quero ben-e
Ailalalala

Se soubera que ti viñas,
que tu habías de vir-e,
mandaba barre-la calle
cunha folliña de Abril-e
Ailalalala

No alto altiño alto,
mozas de Soutomaior-e,
no alto altiño alto,
o alto vaise mellor-e
Ailalalala

Aluméame luniña,
ahuméame lunar-e,
ahuméame luniña
que me quero ir deitar-e
Ailalalala


ARRIEIROS

Arrieiros e carreteiros eran os encargados de levar todo tipo de mercadorías dun lugar a outro, percorrendo longos camiños e sempre axudados de bestas de carga (cabalos, burros, mulas e bois) que tiraban dos carros. Traballaban sempre nun desprazamento mai­­s ou menos rápido, dependendo da velocidade dos animais e das condicións do camiño, que, polo xeral, estaban lonxe de ser ideais. Se o carro era tirado por bois, desprazamento era moito máis calmoso que se, pola contra o era por mulas ou cabalos. Dependendo da distancia do desprazamento, o seu xornal ía ser máis ou menos elevado.

Aparentemente era un traballo que non precisaba dunha gran formación, pero non era este o caso, xa que os carreteiros tiñan unha “maña” especial para tratar cós animais de empuxe, dándolle descanso, comida, bebida,… cando o precise. Por outro lado tamén é importante a perfecta colocación da mercadoría, para que o peso estivera ben repartido, sendo menor o esforzo por parte do animal.

Pouca diferencia existe entre carreteiros e arrieiros, xa que estes últimos, aínda que soian estar acompañados dun só animal de carga, ben sexa mula, boi, asno ou cabalo, en ocasións levaban un carro coa súa mercadoría. Polo xeral tratábase dun oficio ambulante e os produtos que trasladaban eran vendidas nos mercados das vilas. Dependendo da zona, podían levar un tipo de carga diferente. Podemos atopar arrieiros que trasladan dende alimentos de campo (legumes, froita,…), peixe, marisco ata utensilios artesanais (potes de cerámica, de metal, coitelos,…) 

Investigadores de sona xa se preocuparon anteriormente por este tipo de oficio. O mesmo Xaquín Lorenzo, “Xocas”, paralelamente aos seus traballos como guionista, escritor, pintor,… adicou gran parte da súa vida ao estudo etnográfico do carro. Son moitas as súas publicacións relacionadas con esta ferramenta de traballo que despertou o interese do etnógrafo.


O traballo como carreteiro estaba moi expandido, polo que atopamos un gran número de referencias no país veciño, Portugal, onde os traballos do campo formaban parte do día a día dunha parte importante dos seus habitantes. Relacionado có traballo de Xocas, no que presenta as similitudes entre os carros galegos e portugueses, atopamos referencias ao seu emprego, destacando os traballos levados a cabo polos carreteiros e arrieiros.

En relación á súa música, podemos dicir que se trata dun xénero no que a percusión non ten o papel de acompañamento ao canto tan importante como noutros que comentaremos en seguintes apartados. Neste caso, a voz do arrieiro é fundamental, xa que sempre, o seu son camiñaba máis rápido que o seu andar, polo que anunciaba a súa chegada ou o seu paso por un determinado sitio antes de chegar ao mesmo. As paisaxes, os animais,… eran a fonte de inspiración para o arrieiro, que en moitas ocasións se recreaba cun fondo musical creado pola propia natureza, o que fai que esta música sexa espontánea e única. O Bafo do vento nos árbores, o toque dos cencerros dos animais que o acompañan e mesmo os propios pasos, son o fondo sonoro dun cantar lento que fai ameno a súa peregrinaxe. En moitas ocasións este cantar podía anunciar o paso por un estreito camiño, e todo aquel que fora en dirección contraria ao arrieiro, acompañado por carros e o escoitase, evitaba pasar polo mesmo xa que non existía forma de dar a volta, porque os camiños non tiñan as condicións para facelo. Polo que esperaba prudentemente a que o arrieiro pasase.   

Como podemos comprobar a continuación, as letras poden esclarecer como era o seu oficio e que era o que transmitían coa súa música.

Io cantar do arrieiro
é un cantar moi baixiño.
Cántano en Ribadavia
e resona no Carballiño
                                 (POPULAR)

Io cantar do arrieiro,
i-elle un cantarinho guapo,
ten un descanso no medio,
para decir: Arrefagho
ai e lelo ai e lala
                                                (BEMBIBRE- VAL DO DUBRA)

Fun ao Ribeiro a por viño,
emborrachoum´unha nena,
non quero máis do Ribeiro
qu´inda me doi a cabeza.
                                               (PONTEAREAS-PONTEVEDRA)

Repertorio

Esta peza foi recollida polo grupo O Fiadeiro, na parroquia de Oca, situada no concello coruñés de Coristanco.

CANTO DE ARRIEIRO

Cando poño os bois ó carro,
Siempre digo: ¡Dios mediante!

Coll´unha vara na an-e,
i ei marelo paa adiante

Ailalala ailalala,
ailalala ailalala

No hay comentarios:

Publicar un comentario